sábado, 25 de febrero de 2012

O inicio da I Guerra Mundial: O asasinato de Saraxevo


O 28 de xuño de 1914 tivo lugar un grave incidente que puxo a Europa ao bordo da guerra. Mentres visitaban Saraxevo, capital de Bosnia (entón provincia austríaca), foron asasinados, tras varios intentos fallidos, o Arquiduque Francisco Fernando e a súa esposa Sofía. O asasino, Gavrilo Princip, un estudante bosníaco de ascendencia serbia, formaba parte do grupo Novo Serbia, tras o cal se escondía a organización segreda nacionalista a Man Negra. Abogaba pola independencia de Bosnia-Herzegovina respecto a Austro-Hungría e a súa integración en Serbia. Pola súa banda, esta aspiraba a incorporar a devandita provincia como un paso máis cara á creación da Gran Serbia, confederación balcánica de nacións eslavas. Morreu no cárcere por mor da tuberculose, pero antes de perecer, pronunciou unhas palabras que quedaron gravadas: “Non é necesario que me leven a outra prisión. A miña vida xa remata. Suxiro que me claven nunha cruz e me queimen vivo. O meu corpo en chamas será unha antorcha que guíe o meu pobo polo camiño da liberdade’’. Así, foi considerado un heroe por algúns eslavos e, por otros, só o detonante dun dos conflitos bélicos máis terribles da historia. Austria acusou ao goberno serbio de conspirar no asasinato, e o 23 de xullo enviou un ultimato que debía ser respondido favorablemente no prazo de 48 horas baixo pena de declaración de guerra. Dito ultimato esixía a Serbia, entre outras cousas, a eliminación da Man Negra, a interrupción de calquera campaña de desprestixio contra o Imperio, a participación de policías austro-húngaros en Serbia para investigar o magnicidio e a relegación dos culpables á xustiza imperial para ser xulgados e castigados. Con esta acción Austria-Hungría trataba de contar cun pretexto para eliminar o nacionalismo serbio e anular ese país como potencia da zona. O 25 de xullo Serbia respondeu ao ultimato negándose a aceptalo, alegando que violaba a súa soberanía. Ademais, en previsión dunha guerra, mobilizou parcialmente as súas tropas, en tanto que Austria-Hungría facía o propio coas súas. Ambas as dúas romperon as súas relacións diplomáticas. Finalmente, o 28 de xullo, Austria-Hungría declaroulle a guerra a Serbia. A partir de entón produciuse a incorporación en cadea de países á guerra como resposta ao sistema de alianzas. O que comezara como unha guerra circunscrita a dúas potencias (Austria-Hungría e Serbia) desembocou no verán de 1914 nun enfrontamento de proporcións universais: a I Guerra Mundial.

María Rico




No hay comentarios:

Publicar un comentario